Resumen
Este comentario trata dunha recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que analiza a aplicación da igualdade de tratamento no emprego e a ocupación (Directiva 2000/78) en relación cunhas declaracións xornalísticas do propietario dun club de fútbol de Romanía en que afirmaba que xamais contrataría un xogador homosexual. O Alto Tribunal entende que a Directiva é aplicable a situacións relativas a declaracións que versan sobre as condicións de acceso ao emprego, incluídos os criterios de selección, e salienta que as especificidades da contratación de futbolistas profesionais carecen de incidencia a este respecto, xa que a práctica do deporte como actividade económica si que está comprendida no ámbito do dereito da Unión. Alén diso, o Tribunal considera que non é aceptable a existencia dunha normativa nacional por mor da cal, en caso de se revelar unha discriminación baseada na orientación sexual, sexa posible exclusivamente pronunciar unha «amoestación» se esta sanción non é efectiva, proporcionada e disuasoria