Resum
A continuación presentamos as posibilidades que brindan as Tecnoloxías da Información e a
Comunicación (TIC) como axentes e espazos de reprodución e transgresión da heteronorma. O
traballo organízase en dous apartados.
Na primeira parte facemos unha aproximación conceptual ás categorías sexo/xénero no marco
do feminismo postestructuralista, e máis concretamente da Teoría Queer (Butler, 1990, 1993).
A continuación deterémonos brevemente no proceso de socialización diferencial de xénero
destacando o papel crucial dos axentes de socialización (tales como a familia, a escola, os medios
de comunicación ou o grupo de pares) que teñen sido denominados dende o feminismo
postestructuralista tecnoloxías do xénero (Lauretis, 1987). Para terminar esta primeira parte
falando do carácter performativo do xénero que, como veremos, consiste por un lado en reproducir
a norma de xénero e en castigar a aquelas persoas que a transgriden, pero tamén en
subverter esta norma de xénero que nos condiciona como “persoas xenerizadas”, pero que
afortunadamente non nos determina, sendo posible transgredila.
Na segunda parte do traballo, logo de presentar o proceso de construción da identidade de
xénero, analizaremos como as TIC son tamén unha potente tecnoloxía do xénero. Presentado
en primeiro lugar as TIC como espazo relacional privilexiado de construción da identidade adolescente,
para proceder posteriormente a falar das TIC como axente e espazo de reprodución
da heteronorma, incluíndo tamén o ciberbullying como unha práctica de castigo e exclusión
cara ás persoas que subverten a norma de xénero. Para terminar destacaremos as posibilidades
que ofrecen as TIC como axentes e espazos para a rotura e a transgresión da norma de
xénero.