Resum
O sistema heteropatriarcal no que vivimos e o seu pensamento heteronormativo,
conducen e provocan diversas formas de violencia contra
aquelas persoas que non encaixan no esquema dualista, a LGTBIfobia,
entendida como o odio, rexeitamento ou actitude hostil cara a lesbianas,
gays, bisexuais, trans (Platero, 2014) e intersexuais en particular,
ou cara á diversidade sexual e de xénero en xeral (Fumero, Moreno e
Ruiz, 2016). Coa chegada da revolución tecnolóxica, esa estrutura patriarcal presente
na sociedade traspasa fronteiras e aséntase tamén no ciberespazo.
Isto dá lugar a un novo tipo de violencia de xénero: as violencias 2.0.
Co obxectivo de proporcionar visibilidade ás violencias de xénero 2.0 na
mocidade actual, a Universidade de Santiago de Compostela participou,
xunto a outras oito universidades españolas, nun proxecto liderado pola
Universidade de Barcelona no que se levou a cabo un estudo cunha
ampla mostra de adolescentes.
O traballo que se presenta pretende analizar as experiencias que ten a
mocidade en relación á violencia de xénero 2.0 na comunidade autónoma
de Galicia. Trátase de identificar a incidencia de condutas violentas a
partir da transgresión da heteronormatividade sexual obrigatoria e aportar,
a modo de conclusión, unha serie de directrices que permitan a inclusión
da perspectiva de xénero na Educación Secundaria Obrigatoria.